Saturday 18 de May de 2024

Feijóo: “o sector lácteo é viable e o acordo que temos neste momento é unha oportunidade que os gandeiros galegos e galicia non poden desaproveitar”


Destaca que “é razoable” asinar este acordo porque, segundo dixo, é a primeira vez que van asinar un acordo a distribución e a industria simultaneamente coas cooperativas e cos gandeiros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou hoxe que “o sector lácteo é viable” e que o acordo acadado neste momento “é unha oportunidade que os gandeiros galegos e Galicia non poden desaproveitar”. Así o remarcou durante a súa intervención no Pleno do Parlamento, onde recalcou que se trata dun acordo “que ten moitas máis vantaxes que desvantaxes”, polo que apelou a non desaproveitar “esta gran oportunidade”.

O mandatario galego destacou que “é razoable” asinar este acordo porque, segundo dixo, é a primeira vez que o van asinar a distribución e a industria simultaneamente coas cooperativas e cos gandeiros. Tamén porque por primeira vez se di que non se pode empregar o leite como produto reclamo e que hai que concretar a orixe do leite que compramos; e porque recolle que hai que establecer un contrato tipo e que o prazo de efecto dese contrato son dez días desde a súa sinatura.

Segundo explicou, a solución neste momento para inxectar liquidez ao sector mentres non se recuperen os prezos son destinar 300 euros por vaca ás explotacións galegas que non cobren os seus custos; e o compromiso, dixo, é que o 40 por cento do investimento aprobado por Bruxelas sexa para Galicia. Xunto con isto, indicou que a Xunta vai seguir traballando para incentivar o consumo do leite galego, e para que non sexa utilizado como produto reclamo.

Feijóo destacou que o Executivo autonómico está “do lado dos produtores”, con compromisos serios e accións concretas. Nesta liña, indicou que foron 148 millóns de euros os que inxectou ás explotacións gandeiras, 15.000 euros por explotación; e que puxo á súa disposición 40 millóns de euros para a mellora dos procesos de transformación do leite en proxectos como Acolat ou Lasurgal.

Ao respecto, engadiu que nestes últimos anos Galicia está a rexistrar a maior produción histórica do leite, cun 15% máis desde o ano 2010, 2,6 millóns de toneladas de leite, nun momento de baixada de prezos.

Un hospital de referencia na sanidade pública galega
Na súa intervención, o presidente do Goberno galego referiuse tamén ao novo hospital público Álvaro Cunqueiro, e subliñou que xunto coa mellora que a Xunta vai acometer no Meixoeiro, “a sanidade pública de Vigo converterase en referencia da sanidade pública en Galicia”.

O mandatario galego salientou que coa posta en funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro se está a abrir “o maior hospital público que se fixo nunca en Galicia”, construído “no peor momento económico”. Un centro hospitalario, agregou, que Vigo precisaba desde hai anos e que fan “os galegos de hoxe para os galegos do mañá”. Por iso, ratificou o compromiso da Xunta de poñer este hospital “dentro dos compromisos da sanidade pública de Galicia e de España”.

Feijóo precisou que o novo hospital é tres veces máis grande que o Hospital Xeral de Vigo, que conta cunha extensión de 55.000 metros cadrados, fronte aos 190.000 metros cadrados que abrangue o Álvaro Cunqueiro. Ademais, apuntou que o Xeral dispón de 255 habitacións e que o novo centro ten 300 máis, en total 567 habitacións, un 122 por cento máis. E destacou tamén que se trata dun hospital que conta cun laboratorio de 800 metros cadrados e preparado para 1.465 camas, todas as que estaban comprometidas.

Construído en plena crise económica
O titular da Xunta amosouse orgulloso “polo que a sociedade galega fixo en plena recesión económica”. “Fomos quen de acabar de pagar e de equipar o Hospital de Lugo, fomos quen de ampliar por cinco as urxencias da Coruña, estamos sendo quen de facer un novo edificio de hospitalización en Ourense, estamos ampliando o Hospital do Salnés, e licitaremos o vindeiro mes o Hospital de Burela”, indicou. E engadiu que este ano máis do 60 por cento dos galegos terá na súa contorna un hospital novo ou reformado, e cando acabe a lexislatura, será o 70 por cento.

Na súa intervención, salientou tamén que, segundo a Asociación pola defensa da sanidade pública, Galicia ocupa o sétimo lugar nas condicións óptimas da sanidade pública en España, mentres que en 2006 era a número 13. Así mesmo, no eido da valoración que fan os cidadáns, indicou que de acordo ao informe elaborado por esta organización, o 73 por cento dos galegos considera que funciona ben ou bastante ben; e que é a cuarta comunidade na que mellor funciona en España. No ámbito da atención primaria, sinalou que é a segunda autonomía con mellor valoración; e no caso dos concertos coa sanidade privada, dixo que Galicia é a sexta comunidade que menos diñeiro lle dedica.